Benvidas e benvidos un curso máis ao blog de Lectoriño, a bitácora da nosa biblioteca!
Coma cada setembro, arrincamos este ano académico con moitas ideas e obxectivos na cabeciña que esperamos poder ir materializando e acadando ao longo dos meses. Este curso, ademais, é un curso moi especial, pois por fin poderemos desfrutar da ampliación da escola que tanto necesitabamos. Xa o podemos dicir ben alto: POR FIN TEMOS UNHA NOVA BIBLIOTECA! Aínda non está de todo rematada, pois faltan cousiñas por organizar e colocar, pero estamos a traballar todos e todas en equipo para poder inaugurala proximamente e comezar a aproveitar todas as posibilidades que este fermoso espazo nos ofrece.
Xa sabedes que cada curso, coa biblio como núcleo central, as diferentes aulas do cole desenvolvemos un proxecto ao longo dos tres trimestres. Ao igual que ocorre cos demais centros educativos, o noso é un reflexo do mundo: un lugar cheo de nenas e nenos con orixes, experiencias, linguas e formas de sentir, expresar e comunicar diversas. Nesta ocasión, o tema do PDI que guiará e unirá o traballo dos diferentes niveis do colexio nace precisamente de aí: da riqueza e diversidade da nosa propia comunidade, para abrir as fiestras cara o resto do planeta e aprender a valorarnos e entendernos mellor. Un mundo, mil voces.
COMEZA A AVENTURA!

No hay comentarios:
Publicar un comentario