viernes, 29 de septiembre de 2023

NOVO CURSO, NOVO PROXECTO!

Dámosvos a benvida, un curso máis, ao noso blog: o blog de Lectoriño! Malia que a todos e todas nos gustan as vacacións, a volta ao cole tampouco está tan mal e menos aínda co que andamos a argallar este ano, o cal será de aluCINE (e nunca mellor dito).

Coma cada curso, o noso cole mergúllase nun novo proxecto, impulsado dende a biblioteca do noso centro, que implicará a todas e cada unha das aulas que o integran, facendo que a totalidade do alumnado e o profesorado, así coma os restantes membros da comunidade educativa que así o desexen, traballen paralelamente, na mesma liña, ata chegar a un produto final propio.

Este ano imos desfrutar dos clásicos, desas obras que todas e todos deberiamos coñecer. A nós, que nos encanta ir máis alá, non nos chegaba con desfrutar das súas páxinas, senón que tamén queriamos achegarnos a elas por outra vía: a gran pantalla. Por este motivo, escollemos traballar grandes clásicos da literatura universal infantil que tamén tivesen unha proxección audiovisual, de aí que chamasemos a esta nova aventura na que nos imos adentrar: "DA LITERATURA AO CINE".

Non obstante, non pensedes que nos imos limitar simplemente a ler e ver estes grandes clásicos. Nada diso. Nós imos crear! Unha vez que cada nivel lea a obra clásica traballada e vexa o seu filme, imos poñernos mans á obra para levar nós tamén á gran pantalla que montaremos no noso centro unha produción audiovisual feita dende cero por nós mesmos e mesmas

Así que xa sabedes: prestade atención a este blog no que vos iremos contando os diferentes pasos que imos dando nesta andanza literaria e cinematográfica na que se nos ocurreu meternos este ano!