jueves, 29 de febrero de 2024

23F. DÍA DE ROSALÍA

Benvidas e benvidos de novo! Este mes de febreiro foi ben intenso. Ademais de festexar o tan ansiado Entroido, como así se pode ver no blogue do EACE do noso centro, dedicamos esta última quincena a traballar a figura dunha das escritoras galegas máis ilustres: Rosalía de Castro, coincidindo co aniversario do seu nacemento (23 de febreiro de 1837).

Como en cada celebración, elaboramos un mural para colocar na entrada do colexio. Esta vez, os nenos e nenas do primeiro ciclo de Primaria foron os encargados e encargadas de facer esta compisicón, na cal presentaron pequenos anacos dalgunhas das composicións máis representativas desta autora.

Por outra banda o alumnado de 5º e 6º de Primaria versionou, ensaiou e recitou diferentes poemas desta autora e foinos recitar ás aulas do resto de niveis do centro. Tamén elaboraron distintos fotopoemas con composicións de Rosalía cos que crearon un mural nun dos corredores do centro. Unha vez pasada esta data, encadernarán todas estas producións para crear un novo fondo de consulta para a nosa biblioteca. Tocade a imaxe se queredes ver individualmente cada un deles.



Por último, e como novidade este ano, impulsamos a dinámica de "Rosalía vén da man de..." para achegar ao alumnado a outras figuras destacadas da nosa literatura. Neste caso, como primeira "convidada", traballamos a Rosalía Morlán, quen tamén escribe poemas en galego, os cales son musicados por outro artista. O alumnado do segundo ciclo de Primaria foi o encargado de preparar algunhas composicións desta poetisa para recitar ante as nenas e nenos de Infantil.


Se facedes click nas imaxes poderedes ver algunhas fotografías destes recitados.

Noraboa a todos e todas e grazas polo voso traballo!