jueves, 25 de abril de 2024

CONTACONTOS DA MAN DE BAIA FERNÁNDEZ

Como peche ás actividades realizadas con motivo do Día do Libro, onte, 24 de abril, recibimos no noso centro á escritora Baia Fernández de la Torre, natural de Cuntis. A nosa convidada realizou dúas sesións de contacontos: unha para o alumnado de Infantil e 1º ciclo, na cal presentou o seu último conto "Caracol, cara de col" (2023); e outra para os nenos e nenas do 2º e 3º ciclo, a quen lles leu a súa obra "Laia" (2018).

Graciñas pola túa visita, Baia!


miércoles, 24 de abril de 2024

23A. DÍA DO LIBRO

Boas a todos e todas! Rematamos o mes de abril conmemorando outro día destacado no curso: o Día do Libro. Ao igual que no resto de datas sinaladas, decoramos a entrada do centro cun mural, esta vez elaborado polo alumnado do 3º ciclo de Primaria. Nel podemos ver un debuxo e unha oración dalgúns dos libros traballados ao longo deste curso nas diferentes aulas do centro, coloreados seguindo a técnica do artista Piet Mondrian.

Por outra banda, e como xa é tradición, nesta xornada adoitamos realizar un apadriñamento e amadriñamento lector entre as nenas e nenos máis maiores do cole e os máis peques. Despois de ir coñecer aos seus afillados e afilladas, e de que estes lles desen o conto que querían que lles lesen, os cursos altos do centro prepararon a lectura dramatizada destas obras no tempo de lectura. 

Chegado o día, despois do recreo, os nenos e nenas maiores foron buscar aos seus afillados e afillados ás aulas e leváronos por diferentes rincóns do centro para lerlles o conto elixido. Como agradecemento por esta lectura, cada peque elaborou un fermoso marcápaxinas para o seu padriño ou madriña, o cal lles foi outorgado unha vez finalizada a actividade.

Se clickades na imaxe poderedes ver distintas fotografías deste momento tan fermoso!

HARRY POTTER: MAXIA OU CIENCIA?

Esta semana as rapazas e rapaces do 3º ciclo, xunto co alumnado de 4º de Primaria, desfrutaron dun taller de ciencia organizado pola empresa Cea Aberto. Nel puideron analizar e comprender en primeira persoa como detrás da maxia que puideron ver na primeira película da saga de Harry Potter se atopa, en realidade, a ciencia. 

Participaron, aprenderon e desfrutaron moito desta actividade, coa cal demos inicio á Semana da Ciencia, que proximamente celebraremos no centro.

Por aquí vos deixamos algunhas imaxes!

sábado, 20 de abril de 2024

PETER PAN: O PAÍS DE NUNCA XAMAIS

As alumnas e alumnos do primeiro ciclo de Primaria estiveron lendo no segundo trimestre o libro de “Peter Pan” e facendo moitas actividades relacionadas con esta historia e cos seus personaxes, entre as cales se atopa esta maqueta do país de Nunca Xamais que expuxeron na entrada do colexio.


Neste terceiro trimestre empregarán elementos desta historia traballada para crear eles mesmos e mesmas un novo conto que procurarán converter en película.


Atentos á carteleira!


martes, 16 de abril de 2024

ANALIZANDO DIFERENZAS: LIBRO VS. PELÍCULA

 Despois de ler a obra "As bruxas", de Roald Dahl, e de ver a respectiva película, o alumnado do 3º ciclo de Primaria volveu a levar a cabo a actividade realizada a finais do primeiro trimestre coa obra e filme de Harry Potter, elaborando un mural no corredor no que, por grupos, analizaron as diferenzas que identificaron entre a obra escrita e a súa produción audiovisual.