martes, 30 de enero de 2024

30X: DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E DA PAZ

Hoxe, coma cada 30 de xaneiro, coincidindo co aniversario do falecemento de Mahatma Gandhi (1869-1948), conmemoramos o Día Escolar da Non Violencia e da Paz no noso centro. Durante estes días estivemos realizando diferentes actividades vinculadas con esta temática. Por exemplo, nas sesións de Lingua Galega e Literatura, as diferentes clases do colexio crearon distintas composicións poéticas relacionadas coa paz.
Por outra banda, o alumnado do terceiro ciclo foi o encargado de elaborar un mural, situado na entrada do centro, baseándose na temática desta xornada. Realizaron unha adaptación dunha das obras dun enigmático artista británico que firma baixo o seudónimo de Banksy. Escolleron “Kids on guns” (Nenos sobre armas), unha obra que busca antepoñer a inocencia e o cariño da infancia á violencia e á opresión. Colocaron tamén corazóns vermellos nos que incluíron o nome de lugares que actualmente, por desgraza, están en guerra, escribindo debaixo a palabra “paz” na súa lingua oficial.
Finalmente, como clausura a esta conmemoración, todos os alumnos e alumnas do centro, xunto co profesorado e as familias que puideron asistir, realizaron un acto que no que leron algunhas das composicións poéticas que eles mesmos e mesmas crearan na aula. Ademais, tamén tocaronImagine”, de John Lennon, coa frauta e realizaron tres bailes. En breves poderedes atopar fotografías e vídeos desta xornada no blog do Equipo de Actividades Complementarias e Extraescolares do noso centro.

miércoles, 24 de enero de 2024

HARRY POTTER: CONTINUAMOS AVANZANDO NO PROXECTO

Voltamos do Nadal coas pilas recargadas e con ganas de pasar á segunda fase do noso proxecto de centro: a elaboración dun guión cinematográfico. As alumnas e alumnos do terceiro ciclo xa comezaron a mergullarse neste proceso. Despois da lectura da obra de "Harry Potter y la piedra filosofal" e do visionado da película, foron elaborando un pequeno mural no que anotaron varias diferenzas que detectaron entre ambos.
Posteriormente, e tomando a obra escrita como referencia, cada nivel deste ciclo, por separado, fixo varias propostas sobre que partes lles parecían unha boa opción para rodar unha curtametraxe e realizaron unha votación para escoller a escena gañadora en cada curso. Agora que xa teñen en mente a secuencia que van gravar, están a elaborar o vestiario necesario para a rodaxe, o cal, ademais, será o seu disfrace no desfile de Entroido que celebraremos en breves. Tras a toma de medidas, a elaboración dos patróns e o corte das telas, chegou o momento de coser as túnicas, empregando a máquina coa que contamos no centro, grazas ao material de Polos Creativos. Menudo taller de costura que teñen montado!
Por outra banda, tamén andan a elaborar as variñas máxicas que cada un levará, empregando paus e arcilla.
Seguiremos informando dos avances no proceso! Clicka na imaxe para acceder ao espazo web específico do noso proxecto: 3º ciclo de EP. Harry Potter e a Pedra Filosofal.