sábado, 28 de octubre de 2023

24 DE OUTUBRO: DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

Esta semana celebramos o Día das Bibliotecas Escolares, o cal, este ano, tivo lugar o martes, 24 de outubro. Para conmemorar esta data levamos a cabo diferentes actividades no centro vinculadas coa biblio e coa dinamización dos seus libros.

Por unha banda, as alumnas e alumnos de terceiro e cuarto curso gravaron “booktubers” facendo recomendacións lectoras sobre obras que se poden atopar na nosa biblioteca. Proximamente poderedes botarlles un ollo por aquí.

Por outra banda, o alumnado de quinto curso realizou, por grupos, lecturas de contos de Samaín aos peques de infantil e do primeiro ciclo de primaria. Para iso, cada clase seleccionou un libro da súa biblioteca de aula ou da do centro e deixóullelo prestado aos nenos e nenas de quinto para que o coñecesen e puidesen preparalo previamente. Chegado o día, durante o tempo de lectura, cada grupo dirixiuse á aula que lle fora asignada para realizar a lectura dramatizada do conto elixido.




miércoles, 18 de octubre de 2023

SAMAÍN: RECOMENDACIÓNS PARA LER E VER


DÍA DA NENA

Coincidindo co mes das bibliotecas, o pasado mércores, 11 de outubro, o idílico contorno dos xardíns da biblioteca municipal Luís Rei do noso municipio acolleu a nenas e nenos de Educación Infantil dos distintos centros educativos do concello.

A Consellería de Igualdade convidou a participar na celebración da conmemoración polo Día da Nena aos primeiros niveis de ensino dos colexios da nosa localidade.

Alumnos e alumnas gozaron dunha xornada na que interviu unha axente de igualdade a cal, a través do conto “As Cores”, de Nunila López Salamero, levou a cabo un obradoiro no que se traballaron os estereotipos de xénero, posto que é na socialización primaria cando estes e os diferentes roles asociados a cada xénero se comezan a identificar a través do observado nas familias, nos debuxos animados, nos xoguetes... Por iso é necesario que saiban que nin as cores, nin os xoguetes, ou mesmo as profesións, son propios de ningún dos sexos biolóxicos existentes.

Amenizada por unha DJ cuxa música supuxo unha delicia para o corpo e os oídos, esta xornada rematou coa entrega dunhas chapas referentes a esta conmemoración ás nenas, nenos e profes que participaron na actividade.