miércoles, 18 de octubre de 2023

DÍA DA NENA

Coincidindo co mes das bibliotecas, o pasado mércores, 11 de outubro, o idílico contorno dos xardíns da biblioteca municipal Luís Rei do noso municipio acolleu a nenas e nenos de Educación Infantil dos distintos centros educativos do concello.

A Consellería de Igualdade convidou a participar na celebración da conmemoración polo Día da Nena aos primeiros niveis de ensino dos colexios da nosa localidade.

Alumnos e alumnas gozaron dunha xornada na que interviu unha axente de igualdade a cal, a través do conto “As Cores”, de Nunila López Salamero, levou a cabo un obradoiro no que se traballaron os estereotipos de xénero, posto que é na socialización primaria cando estes e os diferentes roles asociados a cada xénero se comezan a identificar a través do observado nas familias, nos debuxos animados, nos xoguetes... Por iso é necesario que saiban que nin as cores, nin os xoguetes, ou mesmo as profesións, son propios de ningún dos sexos biolóxicos existentes.

Amenizada por unha DJ cuxa música supuxo unha delicia para o corpo e os oídos, esta xornada rematou coa entrega dunhas chapas referentes a esta conmemoración ás nenas, nenos e profes que participaron na actividade.





No hay comentarios: