sábado, 16 de diciembre de 2023

RECOMENDACIÓNS LECTORAS PARA O NADAL

 O Nadal está ao caer e, como non, moitos e moitas xa levan tempo dándolle voltas ao tema dos agasaios. Por iso mesmo, dende a biblioteca do cole querémosvos dar algunhas ideas sobre varios libros que pensamos que vos poderían gustar e que serían unha boa opción para pedir por estas datas.

Agardamos que vos sirvan de axuda!

jueves, 14 de diciembre de 2023

SESIÓN DE CINE: "HARRY POTTER Y LA PIEDRA FILOSOFAL"

 Boas a todas e todos! Como ben sabedes, achégase o Nadal e, polo tanto, tamén o remate do primeiro trimestre. Como xa dixemos en entradas anteriores, estamos adicando este curso a traballar libros que contan cunha produción audiovisual posterior. Por este motivo, e como non podía ser doutro xeito, unha sesión de cine tiña que estar presente entre as nosas actividades si ou si.

Hoxe, 14 de decembro, o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria desfrutou da proxección na gran pantalla de  "Harry Potter y la piedra filosofal". Despois da lectura da obra de J. K. Rowling e das tertulias literarias dos diferentes capítulos, os máis maiores do cole estaban ansiosos xa por ver xuntos esta película do ano 2001. Invitaron tamén aos nenos e nenas de 4º para que os acompañasen neste visionado, o cal estivo, por suposto, acompañado duns ricos flocos de millo.

De agora en diante tocaralles analizar as diferenzas entre a obra escrita e a peli e ir facendo propostas sobre que fragmento desexan reproducir eles no produto final ao que queremos chegar: unha curtametraxe sobre unha obra literaria clásica.

Clickade aquí para acceder ao espazo web específico do noso proxecto: 3º ciclo de EP. Harry Potter e a Pedra Filosofal.




miércoles, 29 de noviembre de 2023

NOVEMBRO: MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS

 Boas a todas e todos! Rematamos o penúltimo mes do ano, durante o cal, entre outras moitas cousas, estivemos a falar e traballar sobre a ciencia, empregando o galego coma lingua vehicular. 

Ademais dos libros sobre esta temática (os cales, debemos admitir, non é que sexan moi abundantes na lingua da nosa comunidade), a actividade que máis éxito tivo foron, sen dúbida, os obradoiros de Mundobichos. Neles os nenos e nenas puideron ver en primera persoa, e mesmo ter na man, diferentes insectos e arácnidos, ademais de aprender sobre a súa morfoloxía e reflexionar sobre as diferentes estratexias evolutivas levadas a cabo por cada unha das distintas especies.





jueves, 2 de noviembre de 2023

BO SAMAÍN! HAPPY HALLOWEEN

Canto nos gusta unha festa! Definitivamente, a celebración do Samaín, o cal deu lugar ao mundialmente coñecido Halloween, estase a converter nun dos momentos favoritos de finais de ano, tanto de peques coma de maiores. 

Como non podía ser doutro xeito, nós tamen adicamos estes últimos días do mes de outubro a preparar o festexo desta data. Ademais de buscar información e falar sobre a orixe desta festividade, decoramos os nosos corredores para darlles un toque de tenebrosidade. As e os peques de Educación Infantil, xunto coas súas mestras, encargáronse de elaborar un chamativo mural para a entrada do cole, inspirándose en contos de Samaín que traballaron na aula para decorar cada unha das letras.

Así mesmo, o alumnado do terceiro ciclo de Educación Primaria, coordinados polas profes de Inglés, debuxaron e colorearon diferentes personaxes “aterradoras” ou “lúgubres”, moitas delas sacadas das obras relacionadas co proxecto de centro que cada aula está a traballar. Con elas elaboraron un recuncho de “SCARY HALLOWEEN”, no que, posteriormente, colocamos as diferentes e orixinais cabazas que os nenos e nenas foron traendo ao centro.

Tamén decoramos a nosa biblio acorde ás datas festexadas, para que cada aula puidese baixar a ela para realizar “lecturas terroríficas”.

Ademais diso, o alumnado de sexto curso preparou, por grupos, unha obra de teatro de sombras relacionada co Samaín, redactando eles mesmos o seu guión e elaborando as súas siluetas. Unha vez ensaiada, diversas clases foron pasando pola aula de Lingua Castelá para asistir coma público.

Chegado o ansiado día, o martes, 31 de outubro, nenos, nenas, mestres, mestras e demais persoal do centro viñemos cos nosos “looks” máis tétricos para festexar esta data. Despois do recreo, todas e todos saímos ás pistas e bailamos varias cancións que o alumnado estivera a preparar nas horas de Música. Poderedes atopar o vídeo no blog do equipo de Actividades Complementarias e Extraescolares do noso cole. 

Posteriormente, logo destas tétricas danzas, voltamos cada clase á súa aula para finalizar a celebración desta tenebrosa e divertida festividade.

sábado, 28 de octubre de 2023

24 DE OUTUBRO: DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

Esta semana celebramos o Día das Bibliotecas Escolares, o cal, este ano, tivo lugar o martes, 24 de outubro. Para conmemorar esta data levamos a cabo diferentes actividades no centro vinculadas coa biblio e coa dinamización dos seus libros.

Por unha banda, as alumnas e alumnos de terceiro e cuarto curso gravaron “booktubers” facendo recomendacións lectoras sobre obras que se poden atopar na nosa biblioteca. Proximamente poderedes botarlles un ollo por aquí.

Por outra banda, o alumnado de quinto curso realizou, por grupos, lecturas de contos de Samaín aos peques de infantil e do primeiro ciclo de primaria. Para iso, cada clase seleccionou un libro da súa biblioteca de aula ou da do centro e deixóullelo prestado aos nenos e nenas de quinto para que o coñecesen e puidesen preparalo previamente. Chegado o día, durante o tempo de lectura, cada grupo dirixiuse á aula que lle fora asignada para realizar a lectura dramatizada do conto elixido.




miércoles, 18 de octubre de 2023

SAMAÍN: RECOMENDACIÓNS PARA LER E VER


DÍA DA NENA

Coincidindo co mes das bibliotecas, o pasado mércores, 11 de outubro, o idílico contorno dos xardíns da biblioteca municipal Luís Rei do noso municipio acolleu a nenas e nenos de Educación Infantil dos distintos centros educativos do concello.

A Consellería de Igualdade convidou a participar na celebración da conmemoración polo Día da Nena aos primeiros niveis de ensino dos colexios da nosa localidade.

Alumnos e alumnas gozaron dunha xornada na que interviu unha axente de igualdade a cal, a través do conto “As Cores”, de Nunila López Salamero, levou a cabo un obradoiro no que se traballaron os estereotipos de xénero, posto que é na socialización primaria cando estes e os diferentes roles asociados a cada xénero se comezan a identificar a través do observado nas familias, nos debuxos animados, nos xoguetes... Por iso é necesario que saiban que nin as cores, nin os xoguetes, ou mesmo as profesións, son propios de ningún dos sexos biolóxicos existentes.

Amenizada por unha DJ cuxa música supuxo unha delicia para o corpo e os oídos, esta xornada rematou coa entrega dunhas chapas referentes a esta conmemoración ás nenas, nenos e profes que participaron na actividade.





viernes, 29 de septiembre de 2023

NOVO CURSO, NOVO PROXECTO!

Dámosvos a benvida, un curso máis, ao noso blog: o blog de Lectoriño! Malia que a todos e todas nos gustan as vacacións, a volta ao cole tampouco está tan mal e menos aínda co que andamos a argallar este ano, o cal será de aluCINE (e nunca mellor dito).

Coma cada curso, o noso cole mergúllase nun novo proxecto, impulsado dende a biblioteca do noso centro, que implicará a todas e cada unha das aulas que o integran, facendo que a totalidade do alumnado e o profesorado, así coma os restantes membros da comunidade educativa que así o desexen, traballen paralelamente, na mesma liña, ata chegar a un produto final propio.

Este ano imos desfrutar dos clásicos, desas obras que todas e todos deberiamos coñecer. A nós, que nos encanta ir máis alá, non nos chegaba con desfrutar das súas páxinas, senón que tamén queriamos achegarnos a elas por outra vía: a gran pantalla. Por este motivo, escollemos traballar grandes clásicos da literatura universal infantil que tamén tivesen unha proxección audiovisual, de aí que chamasemos a esta nova aventura na que nos imos adentrar: "DA LITERATURA AO CINE".

Non obstante, non pensedes que nos imos limitar simplemente a ler e ver estes grandes clásicos. Nada diso. Nós imos crear! Unha vez que cada nivel lea a obra clásica traballada e vexa o seu filme, imos poñernos mans á obra para levar nós tamén á gran pantalla que montaremos no noso centro unha produción audiovisual feita dende cero por nós mesmos e mesmas

Así que xa sabedes: prestade atención a este blog no que vos iremos contando os diferentes pasos que imos dando nesta andanza literaria e cinematográfica na que se nos ocurreu meternos este ano!


viernes, 5 de mayo de 2023

 PREMIOS I CERTAME DE RADIO NO COLE

O Día do Libro, a maiores de realizar o apadriñamento lector, entregáronse os premios do I Certame de Radio no cole.






Noraboa aos gañadores e a todos os participantes.

 DÍA DO LIBRO

Para celebrar o día do libro fixemos un  apadriñamento lector, os nenos e nenas maiores converteronse en padriños e madriñas dos nenos e nenas máis pequenos por un día.


Tamén nos visitarons os usuarios do Centro de Día de Cambados.







miércoles, 8 de marzo de 2023

lunes, 6 de febrero de 2023

 

XORNADA BIBLIOTECA CREATIVA 2022/2023

O 10 de febreito de 2023 celebrarase a EGAP a Xoranda de Biblioteca Creativa que reunirá ás 148 persoas coordinadoras deste programa nas súas bibliotecas. Inaugurará a xoranda Arantza Mariskal de Medialab-Tabakalera falando da biblioteca de creación e os laboratorios cidadáns e continuará con obradoiros simultáneos de escornabots, Impresión 3D, prototipado, escrita creativa, narrativa transmedia, creación e creación audiovisual. Pecharán coas experiencias de tres centros que falarán da transformación dos espazos, recursos e dinamización de actividades.

 


 TEATRO

Os nenos e nenas de 4º de 

Educación Pirmaria

prepararon a obra de teatro 

"Unha vella tiña un can". 

Eles mesmos decoraron o

teatrillo e elaboraron os bonecos.

Representaron a obra nas outras

aulas do colexio e foi un éxito.

 CONTACONTOS TERRORÍFICOS


Para celebrar o día das 

bibliotecas escolares, 

 contamos contos 

terroríficos na biblioteca  

do centro. 

Para iso, convertemos este 

espazo nun cementerio.