sábado, 25 de mayo de 2024

I TORNEO DE PRIMAVERA DE XADREZ

Definitivamente, un dos grandes protagonistas deste curso no CEIP San Tomé está a ser o xadrez. Os alumnos e alumnas que actualmente están en 6º curso xa amosaran moito interés por este xogo a finais do curso anterior e pediran recibir clases sobre o mesmo. Atendendo á súa demanda, dende setembro están a ter unha sesión de xadrez cada tres semanas, na hora de Matemáticas, aprendendo sobre este xogo de mesa de estratexia da man dun profesional do mesmo.

Ver xogar aos maiores no recreo animou ao resto de nenas e nenos do centro a facelo tamén, convertendo as mesas do patio nun espazo de reunión dedicado ao xadrez. Vendo este gran éxito, varios rapaces e rapazas de 6º propuxeron realizar un torneo de xadrez no colexio e puxéronse mans á obra, coa axuda das súas mestras e mestres. Elaboraron os carteis cos que anunciaron o torneo, preguntaron polas aulas quen querería participar e organizaron as categorías e os diferentes cruces dentro destas.

Esta semana comezou o I Torneo de Primavera de Xadrez do CEIP San Tomé. Os máis maiores da escola preparan cada día os taboleiros cinco minutos antes de que comece o recreo e encárganse de exercer como xuíces nas diferentes partidas.

Facendo click aquí ou no cartel poderedes ver algunhas imaxes deste torneo.

Está a ser unha experiencia moi gratificante! 

No hay comentarios: