jueves, 20 de junio de 2013

ALGO FACEMOS BEN...

Estamos a piques de rematar o curso, pero o penúltimo día con vos resultou emocionante. Esta entrada no blog Lectoriño non a tiñamos pensada, nin se nos pasara polos miolos, pero queremos deixala aquí, esta e a seguinte. Grazas a vos, pero reconforta, agradécese escoitar o que hoxe nos dixéchedes. Alguén nos dí que o facemos ben e como sempre, como non, sodes os nenos/as. Un abrazo e toda a sorte. 



  Chegou ao seu fin un curso máis, e esta vez tócanos a nós, os de 6º, despedirnos. Non con tristeza senón con alegría pois aquí comeza unha nova etapa das nosas vidas. 

   Deixamos atrás amigos cos que levamos moitos anos. Tócanos cambiar de colexio e non todos coincidiremos na clase, pero non perderemos a esperanza e, sobre todo, sabemos que para os verdadeiros amigos sempre quedará un rincón no noso corazón. Coñeceremos xente nova, pero a pegada dos nosos primeiros compañeiros ninguén nola quitará. Deixamos atrás lembranzas marabillosas grazas a vos, os Mestres, do voso esforzo, ilusión, ganas de traballar e paciencia que é o que nos trasmitístedes nestes anos.

 Lembrarémonos sempre do profesorado que nos deu clase dende infantil ata sexto: Emma, Camino, Pili, Lucía, Guadalupe, Carlos, Jaime, Mónica, Marisa, Esther e Adela. Eles preparáronnos para este paso e agora que marchamos levarémosvos sempre no corazón. Tampouco esquecemos aos mestres que nos apoiaron na clase e fóra dela: Elvira, Paz, Javier… Grazas a todos de corazón! Polo voso traballo e o que facedes a cotío para que isto funcione. Fixéstesnos sentir como se cada mañá seguiramos nas nosas casas. Xuntos fomos unha gran familia. Sempre facéndonos participar neses proxectos anuais dos que tanto aprendemos, como se fose un xogo. Seguro que todo o que nos ensináchedes seranos de proveito. E por suposto, isto non é un adeus porque nos nosos recordos sempre estaredes vos. Sentídevos orgullosos do traballo realizado e de non facernos víctimas dos vosos problemas. A pesares dos recortes nunca nos faltou de nada: nin os nosos festivais de Nadal, Entroido, festas, excursións (sobre todo a deste fin de curso que será inesquecible). Nenos de infantil, primeiro, segundo, terceiro, cuarto e quinto: coidade deles porque estes mestres son tesouros valiosos. 

  Tantos anos aquí … e sempre vimos lonxe este momento, o momento de marchar. Hoxe, con un pouco de sorte, escoitaremos a canción de todos os anos, e como ben dí, aquí queda unha parte de nós, pero vos tamén quedaredes gravados nos nosos recordos para sempre. Nunca esqueceremos o noso paso polo cole San Tomé! 


 Texto elaborado polos nenos e nenas de 6ºB.  Leuno, para todos/as, Jimena.

No hay comentarios: