Boas a todas e todos! Volvemos poñer en marcha, un curso máis, o blog da nosa biblioteca: o blog de Lectoriño.
Como ben sabedes, cada ano escollemos un tema en torno ao cal vai xirar o traballo das diferentes aulas do noso centro. Nesta ocasión, o colexio vaise encher de mar, natureza e curiosidade, pois imos poñer rumbo ás Illas Atlánticas, un tesouro natural que temos moi preto e que ás veces non coñecemos abondo.
Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada agochan historias, misterios, lendas e unha riqueza ambiental única. A través deste proxecto queremos achegar ao noso alumnado á importancia de coidar e respectar o noso patrimonio natural, aprendendo a mirar o mar e as illas con ollos curiosos e agradecidos.
Coma sempre, este proceso de investigacion e descubrimento irá acompañado da lectura de diferentes obras relacionadas con este tema. Na presentación que aparece máis abaixo poderedes coñecer algúns dos títulos que escolleu cada nivel para realizar este proceso.
Así que… imos embarcarnos nesta nova aventura!
Aprender tamén é viaxar, polo que poñemos rumbo ás Illas Atlánticas.