lunes, 2 de noviembre de 2026

LECTURAS COMPARTIDAS POR SAMAÍN

 Aproveitamos o Samaín e a esfera lúgubre e tenebrosa que o acompaña para elaborar relatos curtos ambientados nesta época.

Cada aula do centro, ben en gran grupo, por equipos ou individualmente, redactou unha historia relacionada co Samaín. Unha vez preparados os textos, as madriñas e padriños e as afilladas e afilladas lectores reuníronse na biblioteca do centro para realizar unha lectura en voz alta destes contos.

Clickando na imaxe poderedes botar un ollo a algunhas fotografías tomadas durante estes encontros:

lunes, 26 de octubre de 2026

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

Hoxe, no CEIP San Tomé de Cambados, celebramos o Día das Bibliotecas Escolares, empregando a biblioteca como espazo de presentación das diferentes liñas de traballo que seguirá cada nivel para afondar no tema do PDI deste curso: “Un mundo, mil voces”.

Ao longo da xornada, desenvolvemos sesións compartidas nas que os padriños e madriñas e os seus afillados e afilladas lectores tiveron a oportunidade de presentarse mutuamente o obxectivo da andaina que realizarán ao longo dos vindeiros meses. A través destes encontros, comezamos a descubrir as múltiples posibilidades que nos ofrece este proxecto, no que cada voz, cada xesto, cada mirada e cada lugar teñen o seu propio significado.

A biblioteca escolar convértese así nun espazo de encontro, de diálogo e de colaboración, onde os libros e a información nos guían para construir novos coñecementos, así como vínculos entre diferentes xeracións lectoras.

Facendo click na imaxe poderedes ver algunhas fotografías do día de hoxe.

Feliz Día das Bibliotecas Escolares! 💚📖

jueves, 15 de octubre de 2026

QUEDA INAUGURADA A NOSA NOVA BIBLIOTECA!

 O pasado venres, 9 de outubro, vivimos unha xornada moi especial no CEIP San Tomé de Cambados: inauguramos a nosa nova biblioteca! Un espazo cheo de posibilidades, que nace coa ilusión de converterse nun lugar de encontro e fomento da lectura, da creatividade, da palabra e da imaxinación.

Para festexar esta data tan especial, tivemos o pracer de recibir a Ramón Romero Nogueira, antigo alumno do noso centro, que nos agasallou cunha xornada chea de historias, xogos de palabras e emocións.


Ao longo da mañá, o noso convidado realizou dúas sesións de contacontos, dirixidas ao alumnado de Educación Infantil e dos tres primeiros cursos de Primaria, o cal puido gozar da maxia da narración oral. Así mesmo, pola tarde, tivemos unha nova sesión de contacontos, nesta ocasión aberta ás familias. Unha oportunidade estupenda para compartir o pracer de escoitar historias e vivir a lectura en comunidade.



Por outra banda, o alumnado dos cursos máis avanzados tivo a oportunidade de participar nun obradoiro de escritura creativa, centrado na poesía, no que as palabras se converteron nunha ferramenta para crear textos literarios partindo do nome propio e buscando a rima entre os versos. 


E, como non podía ser doutro xeito, a nosa xa coñecida radio escolar, situada na propia biblioteca, tamén foi protagonista da xornada! Ramón Romero participou nunha entrevista realizada por dous alumnos e unha alumna de sexto de Primaria. Unha experiencia fantástica para seguir dando voz ao alumnado e para crear contidos de interese para toda a comunidade educativa.


Ademais, tivemos a alegría de compartir este día con antigos mestres e mestras do centro e con representantes das autoridades locais, cos que desfrutamos dun pequeno aperitivo nun ambiente distendido e agradable.



Foi, sen dúbida, unha xornada dinámica, acolledora e entretida, na que a nosa biblioteca cobrou vida a través dos contos, da poesía, da radio e do encontro entre persoas de diferentes xeracións.


Comezamos así unha nova etapa para este espazo tan especial, coa ilusión de que se converta nun lugar onde ler, crear, investigar, escoitar, compartir e soñar. Porque unha biblioteca é moito máis ca un lugar cheo de libros: é un espazo vivo, aberto a toda a comunidade educativa, no que sempre hai algo novo que descubrir.


Benvida, nova biblioteca! Que veñan moitas máis xornadas coma esta! 💚📖

miércoles, 7 de octubre de 2026

ESTE VENRES INAUGURAMOS A BIBLIO!

NON QUEDA NADA! O venres, 9 de outubro, despois duns longos meses de espera e traballo, por fin poderemos abrir as portas da nosa nova biblioteca. 

Estas últimas semanas estivemos poñendo a punto este novo espazo: colocamos estanterías, mesas e cestas; revisamos e agrupamos os libros por temáticas; etiquetamos cada obra para facilitar a súa localización; etc.

Como non, un momento tan esperado ten que ter unha celebración ou festexo á altura. Para iso, contaremos coa visita dun ex alumno do noso centro: o escritor cambadés Ramón Romero Nogueira, quen nos presentará dous contos infantís ao longo da mañá e... tamén pola tarde! Poderedes desfrutar dunha sesión aberta de contacontos ás 16:00 na nosa biblio.

VIDE DESFRUTRAR DESTE NOVO ESPAZO!



martes, 22 de septiembre de 2026

CURSO 2026/27. Un mundo, mil voces

 Benvidas e benvidos un curso máis ao blog de Lectoriño, a bitácora da nosa biblioteca!

Coma cada setembro, arrincamos este ano académico con moitas ideas e obxectivos na cabeciña que esperamos poder ir materializando e acadando ao longo dos meses. Este curso, ademais, é un curso moi especial, pois por fin poderemos desfrutar da ampliación da escola que tanto necesitabamos. Xa o podemos dicir ben alto: POR FIN TEMOS UNHA NOVA BIBLIOTECA! Aínda non está de todo rematada, pois faltan cousiñas por organizar e colocar, pero estamos a traballar todos e todas en equipo para poder inaugurala proximamente e comezar a aproveitar todas as posibilidades que este fermoso espazo nos ofrece.

Xa sabedes que cada curso, coa biblio como núcleo central, as diferentes aulas do cole desenvolvemos un proxecto ao longo dos tres trimestres. Ao igual que ocorre cos demais centros educativos, o noso é un reflexo do mundo: un lugar cheo de nenas e nenos con orixes, experiencias, linguas e formas de sentir, expresar e comunicar diversas. Nesta ocasión, o tema do PDI que guiará e unirá o traballo dos diferentes niveis do colexio nace precisamente de aí: da riqueza e diversidade da nosa propia comunidade, para abrir as fiestras cara o resto do planeta e aprender a valorarnos e entendernos mellor. Un mundo, mil voces.

COMEZA A AVENTURA!

jueves, 25 de junio de 2026

GAÑADORES DO IV CERTAME DE PODCAST

PARA ESCOITAR ÓS GAÑADORES DO IV CERTAME preme  AQUÍ 

martes, 2 de junio de 2026

LECTURA DE FAMILIAS

 O longo de todos os meses de abril e maio numerosas familias fixeron lecturas ao alumnado dentro da actividade "Lectura de familias".

Agradecemos moito a gran acollida que tivo na comunidade educativa e os bos momentos que pasamos grazas á súa xenerosidade.




lunes, 27 de abril de 2026

DÍA DO LIBRO

 Coma cada curso, voltamos conmemorar o Día do Libro realizando unha lectura compartida no patio do centro entre as madriñas e padriños lectores e os seus afillados e afilladas. Por aquí vos deixamos algunhas imaxes desta fermosa actividade.


Ademais, tras este tempo de lectura, as alumnas e alumnos do segundo e terceiro ciclo de primaria desfrutaron da visita de Iago Fernández e Damián Gómez, autor e ilustrador do cómic "Fauna".



jueves, 5 de marzo de 2026

NAVEGA CON RUMBO

Esta semana, o alumnado de 5º de Educación Primaria recibiu unha charla enmarcada dentro do programa "Navega Rumbo". Nesta sesión, as nenas e nenos analizaron e reflexionaron sobre exemplos de situacións próximas á súa realidade, buscando facelas e facelos conscientes da importancia de protexer a súa identidade dixital, os riscos que poden aparecer no uso de dispositivos e plataformas en liña e a importancia de contrastar a información circula pola rede. 

Este tipo de actividades enmárcase dentro dos obxectivos da biblioteca escolar, buscando favorecer a alfabetización informacional e mediática do alumnado. 

jueves, 19 de febrero de 2026

IV CERTAME DE PODCAST

Por cuarto ano consecutivo, volve unha das actividades anuais pola que máis preguntan as nenas e nenos do noso centro: O CERTAME DE PODCAST!


Esta cuarta edición xirará, ao igual que o fixeron as tres anteriores, en torno ao tema central do PDI deste curso, este ano centrado nas Illas Atlánticas de Galicia.

Por aquí vos deixamos o cartel que anuncia o certame e as bases para participar no mesmo.

Estamos desexando escoitar eses marabillosos podcast!

Moita sorte a todos e todas!

martes, 3 de febrero de 2026

QUE COMECE A FESTA!

 O vindeiro luns comezamos por fin cos tan ansiados ENTROIDIÑOS, dando así o pistoletazo de saída ao ENTROIDO 2026. Como cada curso, cada mandato do Meco está relacionado coa liña do PDI do centro. Neste caso, as illas atlánticas serán o noso fío condutor para amenizar as nosas vestimentas a próxima semana.

Ídevos preparando!



miércoles, 28 de enero de 2026

VOLUNTARIADO NA BIBLIO: PRÉSTAMO EN INFANTIL

Un curso máis, a nosa biblioteca participa no programa de Bibliotecas Solidarias, dende o cal se promove unha liña de voluntariado para os alumnos e alumnas máis maiores.

No noso caso, dadas as circunstancias nas que se atopan determinados espazos do centro por mor das obras de ampliación, como é o caso da biblioteca, vímonos na obriga de adaptar e simplificar este voluntariado. Este curso, en lugar de realizar o préstamo de libros na biblioteca, durante os tempos de recreo, as alumnas e os alumnos voluntarios de 6º de Primaria están a levar a cabo esta tarefa acudindo elas e eles mesmos ás aulas de infantil, un día á semana. 


Por aquí vos deixamos algunhas imaxes destes fantásticos e fantásticas axudantes de biblioteca.


jueves, 11 de diciembre de 2025

CONTOS POR SAMAÍN

 Aproveitamos esta celebración que tanto lles gusta aos nenos e nenas para traballar a creatividade e a expresión escrita.

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega e o Equipo de Biblioteca argallaron a idea de realizar unha actividade multinivel, na que cada aula elaborase un conto de Samaín. Posteriormente, unha vez finalizados, os grupo-clase vinculados polo amadriñamento e apadriñamento lector xuntáronse para facer unha posta en común destes relatos e realizar unha lectura en voz alta dos mesmos.


Agora imos a encadernar estes relatos e así crear novos recursos para a biblioteca do centro. 


Por aquí vos deixamos algunhas imaxes:


miércoles, 19 de noviembre de 2025

TEATRO DE SOMBRAS POR SAMAÍN

Co curso xa posto en marcha, unha das primeiras celebracións é o tan ansiado Samaín. Moitas das actividades que se realizan durante o mes de outubro xiran en torno a este festexo, e así o puideron comprobar as alumnas e os alumnos máis maiores do colexio. Os estudantes de 6º curso estiveron inmersos todo este mes na elaboración e preparación de pequenas e tenebrosas pezas teatrais que representaron mediante siluetas negras.

Comprobaron en primeira persoa como realizar unha breve representación teatral que dura escasos minutos, implica un traballo previo de moitas horas. Acordar a trama da historia entre os e as integrantes do grupo, redactar o guión conxuntamente, revisalo e modificalo, elaborar as siluetas, deseñar o cartel da obra e ensaiar a representación de cada peza teatral implicaron moitas sesións, pero o resultado final valeu a pena.

Esta xa é unha actividade recurrente por estas datas, pero este ano, por mor das obras nalgunhas partes do centro, incluida a nosa biblioteca, tivo que adaptarse en canto a o que materiais e espazos se refire. Aínda así, o traballo e implicación do alumnado foron marabillosos e voltaron a facernos desfrutar coas súas creacións.

Facendo click na imaxe poderedes ver algúns dos terroríficos carteis que elaboraron os diferentes grupos.

miércoles, 12 de noviembre de 2025

CONTACONTOS PARA INFANTIL: VERO RILO

No mes de outubro, os nenos e nenas de Educación Infantil recibiron na aula a Vero Rilo, narradora oral, a cal, durante uns anos, tamén foi mestra desta etapa. Esta contacontos mugardesa contoulles o clásico infantil "A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza", xunto con dúas historias que forman parte da tradición oral.

lunes, 27 de octubre de 2025

CURSO 2025/26: ILLAS ATLÁNTICAS. Un mar de aprendizaxes

 Boas a todas e todos! Volvemos poñer en marcha, un curso máis, o blog da nosa biblioteca: o blog de Lectoriño.

Como ben sabedes, cada ano escollemos un tema en torno ao cal vai xirar o traballo das diferentes aulas do noso centro. Nesta ocasión, o colexio vaise encher de mar, natureza e curiosidade, pois imos poñer rumbo ás Illas Atlánticas, un tesouro natural que temos moi preto e que ás veces non coñecemos abondo.


Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada agochan historias, misterios, lendas e unha riqueza ambiental única. A través deste proxecto queremos achegar ao noso alumnado á importancia de coidar e respectar o noso patrimonio natural, aprendendo a mirar o mar e as illas con ollos curiosos e agradecidos.


Coma sempre, este proceso de investigacion e descubrimento irá acompañado da lectura de diferentes obras relacionadas con este tema. Na presentación que aparece máis abaixo poderedes coñecer algúns dos títulos que escolleu cada nivel para realizar este proceso.


Así que… imos embarcarnos nesta nova aventura!

Aprender tamén é viaxar, polo que poñemos rumbo ás Illas Atlánticas.



lunes, 16 de junio de 2025

RECOMENDACIÓNS LECTORAS PARA O VERÁN

 As tan ansiadas vacacións do verán están ao caer e todas e todos estamos desexando poder desfrutar delas. Por aquí vos deixamos algunhas recomendacións de libros que vos poden acompañar nestes meses de desconexión que nos quedan por diante.

sábado, 26 de abril de 2025

FEIRA DE LIBROS DE SEGUNDA MAN

Rematamos esta primeira semana do terceiro trimestre do curso cunha última actividade para conmemorar o Día do Libro: unha feira de libros de segunda man. 

O alumnado de quinto curso de Primaria organizou esta iniciativa de cara a recadar fondos para a súa saída de fin de curso. Grazas aos exemplares doados polas familias do centro, as nenas e nenos montaron catro postos de venta, organizando os libros en función da idade dos seus lectores e lectoras:

  • Nivel inicial.
  • Nivel medio.
  • Nivel avanzado.
  • Nivel experto.
A maiores, crearon un quinto posto de venta no que incluiron todos aqueles elementos doados que non eran libros: DVDs, xogos, etc.

Graciñas a todos e todas os que vos achegastes e colaborástedes nesta feira. Tanto o alumnado, coma o profesorado responsable, están enormemente agradecidos co apoio que toda a comunidade educativa lles está a dar aos nenos e nenas do terceiro ciclo en todas e cada unha das iniciativas que están a realizar de cara a obter fondos para a financiar as súas saídas de fin de curso.

Por aquí vos deixamos algunhas imaxes.