jueves, 15 de octubre de 2026

QUEDA INAUGURADA A NOSA NOVA BIBLIOTECA!

 O pasado venres, 9 de outubro, vivimos unha xornada moi especial no CEIP San Tomé de Cambados: inauguramos a nosa nova biblioteca! Un espazo cheo de posibilidades, que nace coa ilusión de converterse nun lugar de encontro e fomento da lectura, da creatividade, da palabra e da imaxinación.

Para festexar esta data tan especial, tivemos o pracer de recibir a Ramón Romero Nogueira, antigo alumno do noso centro, que nos agasallou cunha xornada chea de historias, xogos de palabras e emocións.


Ao longo da mañá, o noso convidado realizou dúas sesións de contacontos, dirixidas ao alumnado de Educación Infantil e dos tres primeiros cursos de Primaria, o cal puido gozar da maxia da narración oral. Así mesmo, pola tarde, tivemos unha nova sesión de contacontos, nesta ocasión aberta ás familias. Unha oportunidade estupenda para compartir o pracer de escoitar historias e vivir a lectura en comunidade.



Por outra banda, o alumnado dos cursos máis avanzados tivo a oportunidade de participar nun obradoiro de escritura creativa, centrado na poesía, no que as palabras se converteron nunha ferramenta para crear textos literarios partindo do nome propio e buscando a rima entre os versos. 


E, como non podía ser doutro xeito, a nosa xa coñecida radio escolar, situada na propia biblioteca, tamén foi protagonista da xornada! Ramón Romero participou nunha entrevista realizada por dous alumnos e unha alumna de sexto de Primaria. Unha experiencia fantástica para seguir dando voz ao alumnado e para crear contidos de interese para toda a comunidade educativa.


Ademais, tivemos a alegría de compartir este día con antigos mestres e mestras do centro e con representantes das autoridades locais, cos que desfrutamos dun pequeno aperitivo nun ambiente distendido e agradable.



Foi, sen dúbida, unha xornada dinámica, acolledora e entretida, na que a nosa biblioteca cobrou vida a través dos contos, da poesía, da radio e do encontro entre persoas de diferentes xeracións.


Comezamos así unha nova etapa para este espazo tan especial, coa ilusión de que se converta nun lugar onde ler, crear, investigar, escoitar, compartir e soñar. Porque unha biblioteca é moito máis ca un lugar cheo de libros: é un espazo vivo, aberto a toda a comunidade educativa, no que sempre hai algo novo que descubrir.


Benvida, nova biblioteca! Que veñan moitas máis xornadas coma esta! 💚📖

No hay comentarios: