martes, 30 de enero de 2024

30X: DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E DA PAZ

Hoxe, coma cada 30 de xaneiro, coincidindo co aniversario do falecemento de Mahatma Gandhi (1869-1948), conmemoramos o Día Escolar da Non Violencia e da Paz no noso centro. Durante estes días estivemos realizando diferentes actividades vinculadas con esta temática. Por exemplo, nas sesións de Lingua Galega e Literatura, as diferentes clases do colexio crearon distintas composicións poéticas relacionadas coa paz.
Por outra banda, o alumnado do terceiro ciclo foi o encargado de elaborar un mural, situado na entrada do centro, baseándose na temática desta xornada. Realizaron unha adaptación dunha das obras dun enigmático artista británico que firma baixo o seudónimo de Banksy. Escolleron “Kids on guns” (Nenos sobre armas), unha obra que busca antepoñer a inocencia e o cariño da infancia á violencia e á opresión. Colocaron tamén corazóns vermellos nos que incluíron o nome de lugares que actualmente, por desgraza, están en guerra, escribindo debaixo a palabra “paz” na súa lingua oficial.
Finalmente, como clausura a esta conmemoración, todos os alumnos e alumnas do centro, xunto co profesorado e as familias que puideron asistir, realizaron un acto que no que leron algunhas das composicións poéticas que eles mesmos e mesmas crearan na aula. Ademais, tamén tocaronImagine”, de John Lennon, coa frauta e realizaron tres bailes. En breves poderedes atopar fotografías e vídeos desta xornada no blog do Equipo de Actividades Complementarias e Extraescolares do noso centro.

No hay comentarios: