sábado, 25 de mayo de 2024

"HARRY POTTER E A PEDRA FILOSOFAL": PROCESO DE CASTING

As alumnas e alumnos do 3º ciclo continúan na súa andaina cara a obtención do produto final do proxecto de centro deste curso: unha curtametraxe da obra literaria traballada ao longo do curso.

Unha vez que tiveron listo o guión das curtas de 5º e de 6º curso (os cales podedes ler no espazo web específico do proxecto do 3º ciclo), chegou o momento de comenzar a escoller quen serían os actores e actrices encargados de dar vida á cada un dos e das personaxes que nelas aparecerán. 

Os alumnos e alumnas interesados en obter os papeis principais de cada curta enfrontáronse a un proceso de casting, no cal tiveron que demostrar as súas dotes para o mundo da actuación fronte a un xurado composto por catro mestras do centro. 

Tras escoller aos protagonistas, os papeis secundarios foron asignados mediante un sorteo no cal participaron os nenos e nenas interesados en conseguir representar a cada un dos demais personaxes da curtametraxe.

II CERTAME DE PODCAST

 Tras o éxito obtido o ano pasado co I CERTAME DE PODCAST do CEIP San Tomé, este curso voltamos cunha nova edición, na cal, como non podía ser doutro xeito, imos aproveitar para dar a nosa opinión sobre o tema do proxecto que levamos traballado ao longo do curso: libro ou película?

Por aquí vos deixamos o cartel e as bases do certame. Estamos desexando escoitar eses marabillosos podcast!

Que comece o II CERTAME DE PODCAST do CEIP San Tomé!

jueves, 25 de abril de 2024

CONTACONTOS DA MAN DE BAIA FERNÁNDEZ

Como peche ás actividades realizadas con motivo do Día do Libro, onte, 24 de abril, recibimos no noso centro á escritora Baia Fernández de la Torre, natural de Cuntis. A nosa convidada realizou dúas sesións de contacontos: unha para o alumnado de Infantil e 1º ciclo, na cal presentou o seu último conto "Caracol, cara de col" (2023); e outra para os nenos e nenas do 2º e 3º ciclo, a quen lles leu a súa obra "Laia" (2018).

Graciñas pola túa visita, Baia!


miércoles, 24 de abril de 2024

23A. DÍA DO LIBRO

Boas a todos e todas! Rematamos o mes de abril conmemorando outro día destacado no curso: o Día do Libro. Ao igual que no resto de datas sinaladas, decoramos a entrada do centro cun mural, esta vez elaborado polo alumnado do 3º ciclo de Primaria. Nel podemos ver un debuxo e unha oración dalgúns dos libros traballados ao longo deste curso nas diferentes aulas do centro, coloreados seguindo a técnica do artista Piet Mondrian.

Por outra banda, e como xa é tradición, nesta xornada adoitamos realizar un apadriñamento e amadriñamento lector entre as nenas e nenos máis maiores do cole e os máis peques. Despois de ir coñecer aos seus afillados e afilladas, e de que estes lles desen o conto que querían que lles lesen, os cursos altos do centro prepararon a lectura dramatizada destas obras no tempo de lectura. 

Chegado o día, despois do recreo, os nenos e nenas maiores foron buscar aos seus afillados e afillados ás aulas e leváronos por diferentes rincóns do centro para lerlles o conto elixido. Como agradecemento por esta lectura, cada peque elaborou un fermoso marcápaxinas para o seu padriño ou madriña, o cal lles foi outorgado unha vez finalizada a actividade.

Se clickades na imaxe poderedes ver distintas fotografías deste momento tan fermoso!

HARRY POTTER: MAXIA OU CIENCIA?

Esta semana as rapazas e rapaces do 3º ciclo, xunto co alumnado de 4º de Primaria, desfrutaron dun taller de ciencia organizado pola empresa Cea Aberto. Nel puideron analizar e comprender en primeira persoa como detrás da maxia que puideron ver na primeira película da saga de Harry Potter se atopa, en realidade, a ciencia. 

Participaron, aprenderon e desfrutaron moito desta actividade, coa cal demos inicio á Semana da Ciencia, que proximamente celebraremos no centro.

Por aquí vos deixamos algunhas imaxes!

sábado, 20 de abril de 2024

PETER PAN: O PAÍS DE NUNCA XAMAIS

As alumnas e alumnos do primeiro ciclo de Primaria estiveron lendo no segundo trimestre o libro de “Peter Pan” e facendo moitas actividades relacionadas con esta historia e cos seus personaxes, entre as cales se atopa esta maqueta do país de Nunca Xamais que expuxeron na entrada do colexio.


Neste terceiro trimestre empregarán elementos desta historia traballada para crear eles mesmos e mesmas un novo conto que procurarán converter en película.


Atentos á carteleira!


martes, 16 de abril de 2024

ANALIZANDO DIFERENZAS: LIBRO VS. PELÍCULA

 Despois de ler a obra "As bruxas", de Roald Dahl, e de ver a respectiva película, o alumnado do 3º ciclo de Primaria volveu a levar a cabo a actividade realizada a finais do primeiro trimestre coa obra e filme de Harry Potter, elaborando un mural no corredor no que, por grupos, analizaron as diferenzas que identificaron entre a obra escrita e a súa produción audiovisual.

miércoles, 27 de marzo de 2024

SESIÓN DE CINE: LAS BRUJAS

 Como xa sucedeu no primeiro trimestre, e seguindo coa liña do PDI deste curso ("Da literatura ao cine"), rematamos este segundo trimestre cunha sesión de cinema. Esta vez, o alumnado do 3º ciclo de Primaria viu a película da obra que estiveron a traballar nestes meses na materia de Lingua Galega e Literatura: "As bruxas", de Roald Dahl.

As nenas e nenos de 5º e 6º curso reuníronse no ximnasio do centro e desfrutaron da proxección deste filme, acompañando o seu visionado con flocos de millos, patacas fritas e outros múltiples manxares. 



jueves, 21 de marzo de 2024

VISITA DE MARTA COSTA

O pasado xoves, 14 de marzo, o noso centro tivo o pracer de recibir de novo a unha ex alumna que, actualmente, é unha das promesas do mundo da actuación da nosa comunidade: Marta Costa.

Con tan só 19 anos, Marta xa participou nunha serie producida por Netflix, rodada na nosa vila, e xa aparece na pequena pantalla formando parte do elenco protagonista da serie “Ghuasapp”, da TVG. 


O alumnado de 5º e 6º curso preparou unha serie de preguntas para poder realizarlle unha entrevista á nosa convidada que lles permitise aos nenos e nenas afondar no seu traballo como intérprete, o cal está directamente relacionado co PDI deste curso “Da literatura ao cine”.  Entre outras moitas cousas, Marta faloulles de como son os procesos de casting, do formato dos guións dunha película ou serie, da forma de abordar o seu estudo, dos diferentes métodos de interpretación, de cal foi a actriz que  a inspirou nos seus inicios…


Graciñas por todo Marta, foi un auténtico pracer terte de volta! Desexámosche o mellor na túa carreira! Seguirémoste ben de preto, non o dubides.







sábado, 9 de marzo de 2024

8M. DÍA DA MULLER

Unha das datas máis destacadas deste mes de marzo é, sen dúbida, o día 8, xornada na que ten lugar a reivindicación da figura da muller na sociedade.

Unha das actividades que se levou a cabo no noso centro para conmemorar esta data foi a visita da compañía compostelá Medievándalos, a cal nos representou unha obra de teatro titulada “A cabaleira”, na que coñecemos as aventuras dunha princesa que non desexaba ser raíña, senón cabaleira.


Facede clik na seguinte imaxe para ver algunhas fotografías do noso alumnado desfrutando desta peza teatral.