Blog da biblioteca do CEIP San Tomé de Cambados, no que este curso temos como proxecto: "UN MUNDO, MOITAS VOCES"
miércoles, 18 de octubre de 2023
DÍA DA NENA
Coincidindo co mes das bibliotecas, o pasado mércores, 11 de outubro, o idílico contorno dos xardíns da biblioteca municipal Luís Rei do noso municipio acolleu a nenas e nenos de Educación Infantil dos distintos centros educativos do concello.
A Consellería de Igualdade convidou a participar na celebración da conmemoración polo Día da Nena aos primeiros niveis de ensino dos colexios da nosa localidade.
Alumnos e alumnas gozaron dunha xornada na que interviu unha axente de igualdade a cal, a través do conto “As Cores”, de Nunila López Salamero, levou a cabo un obradoiro no que se traballaron os estereotipos de xénero, posto que é na socialización primaria cando estes e os diferentes roles asociados a cada xénero se comezan a identificar a través do observado nas familias, nos debuxos animados, nos xoguetes... Por iso é necesario que saiban que nin as cores, nin os xoguetes, ou mesmo as profesións, son propios de ningún dos sexos biolóxicos existentes.
Amenizada por unha DJ cuxa música supuxo unha delicia para o corpo e os oídos, esta xornada rematou coa entrega dunhas chapas referentes a esta conmemoración ás nenas, nenos e profes que participaron na actividade.
viernes, 29 de septiembre de 2023
NOVO CURSO, NOVO PROXECTO!
Dámosvos a benvida, un curso máis, ao noso blog: o blog de Lectoriño! Malia que a todos e todas nos gustan as vacacións, a volta ao cole tampouco está tan mal e menos aínda co que andamos a argallar este ano, o cal será de aluCINE (e nunca mellor dito).
Coma cada curso, o noso cole mergúllase nun novo proxecto, impulsado dende a biblioteca do noso centro, que implicará a todas e cada unha das aulas que o integran, facendo que a totalidade do alumnado e o profesorado, así coma os restantes membros da comunidade educativa que así o desexen, traballen paralelamente, na mesma liña, ata chegar a un produto final propio.
Este ano imos desfrutar dos clásicos, desas obras que todas e todos deberiamos coñecer. A nós, que nos encanta ir máis alá, non nos chegaba con desfrutar das súas páxinas, senón que tamén queriamos achegarnos a elas por outra vía: a gran pantalla. Por este motivo, escollemos traballar grandes clásicos da literatura universal infantil que tamén tivesen unha proxección audiovisual, de aí que chamasemos a esta nova aventura na que nos imos adentrar: "DA LITERATURA AO CINE".
Non obstante, non pensedes que nos imos limitar simplemente a ler e ver estes grandes clásicos. Nada diso. Nós imos crear! Unha vez que cada nivel lea a obra clásica traballada e vexa o seu filme, imos poñernos mans á obra para levar nós tamén á gran pantalla que montaremos no noso centro unha produción audiovisual feita dende cero por nós mesmos e mesmas.
Así que xa sabedes: prestade atención a este blog no que vos iremos contando os diferentes pasos que imos dando nesta andanza literaria e cinematográfica na que se nos ocurreu meternos este ano!

viernes, 5 de mayo de 2023
miércoles, 8 de marzo de 2023
miércoles, 8 de febrero de 2023
lunes, 6 de febrero de 2023
XORNADA BIBLIOTECA CREATIVA 2022/2023
O 10 de febreito de 2023 celebrarase a EGAP a Xoranda de Biblioteca Creativa que reunirá ás 148 persoas coordinadoras deste programa nas súas bibliotecas. Inaugurará a xoranda Arantza Mariskal de Medialab-Tabakalera falando da biblioteca de creación e os laboratorios cidadáns e continuará con obradoiros simultáneos de escornabots, Impresión 3D, prototipado, escrita creativa, narrativa transmedia, creación e creación audiovisual. Pecharán coas experiencias de tres centros que falarán da transformación dos espazos, recursos e dinamización de actividades.
.jpeg)









