jueves, 11 de diciembre de 2025

CONTOS POR SAMAÍN

 Aproveitamos esta celebración que tanto lles gusta aos nenos e nenas para traballar a creatividade e a expresión escrita.

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega e o Equipo de Biblioteca argallaron a idea de realizar unha actividade multinivel, na que cada aula elaborase un conto de Samaín. Posteriormente, unha vez finalizados, os grupo-clase vinculados polo amadriñamento e apadriñamento lector xuntáronse para facer unha posta en común destes relatos e realizar unha lectura en voz alta dos mesmos.


Agora imos a encadernar estes relatos e así crear novos recursos para a biblioteca do centro. 


Por aquí vos deixamos algunhas imaxes:


miércoles, 19 de noviembre de 2025

TEATRO DE SOMBRAS POR SAMAÍN

Co curso xa posto en marcha, unha das primeiras celebracións é o tan ansiado Samaín. Moitas das actividades que se realizan durante o mes de outubro xiran en torno a este festexo, e así o puideron comprobar as alumnas e os alumnos máis maiores do colexio. Os estudantes de 6º curso estiveron inmersos todo este mes na elaboración e preparación de pequenas e tenebrosas pezas teatrais que representaron mediante siluetas negras.

Comprobaron en primeira persoa como realizar unha breve representación teatral que dura escasos minutos, implica un traballo previo de moitas horas. Acordar a trama da historia entre os e as integrantes do grupo, redactar o guión conxuntamente, revisalo e modificalo, elaborar as siluetas, deseñar o cartel da obra e ensaiar a representación de cada peza teatral implicaron moitas sesións, pero o resultado final valeu a pena.

Esta xa é unha actividade recurrente por estas datas, pero este ano, por mor das obras nalgunhas partes do centro, incluida a nosa biblioteca, tivo que adaptarse en canto a o que materiais e espazos se refire. Aínda así, o traballo e implicación do alumnado foron marabillosos e voltaron a facernos desfrutar coas súas creacións.

Facendo click na imaxe poderedes ver algúns dos terroríficos carteis que elaboraron os diferentes grupos.

miércoles, 12 de noviembre de 2025

CONTACONTOS PARA INFANTIL: VERO RILO

No mes de outubro, os nenos e nenas de Educación Infantil recibiron na aula a Vero Rilo, narradora oral, a cal, durante uns anos, tamén foi mestra desta etapa. Esta contacontos mugardesa contoulles o clásico infantil "A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza", xunto con dúas historias que forman parte da tradición oral.

lunes, 27 de octubre de 2025

CURSO 2025/26: ILLAS ATLÁNTICAS. Un mar de aprendizaxes

 Boas a todas e todos! Volvemos poñer en marcha, un curso máis, o blog da nosa biblioteca: o blog de Lectoriño.

Como ben sabedes, cada ano escollemos un tema en torno ao cal vai xirar o traballo das diferentes aulas do noso centro. Nesta ocasión, o colexio vaise encher de mar, natureza e curiosidade, pois imos poñer rumbo ás Illas Atlánticas, un tesouro natural que temos moi preto e que ás veces non coñecemos abondo.


Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada agochan historias, misterios, lendas e unha riqueza ambiental única. A través deste proxecto queremos achegar ao noso alumnado á importancia de coidar e respectar o noso patrimonio natural, aprendendo a mirar o mar e as illas con ollos curiosos e agradecidos.


Coma sempre, este proceso de investigacion e descubrimento irá acompañado da lectura de diferentes obras relacionadas con este tema. Na presentación que aparece máis abaixo poderedes coñecer algúns dos títulos que escolleu cada nivel para realizar este proceso.


Así que… imos embarcarnos nesta nova aventura!

Aprender tamén é viaxar, polo que poñemos rumbo ás Illas Atlánticas.



lunes, 16 de junio de 2025

RECOMENDACIÓNS LECTORAS PARA O VERÁN

 As tan ansiadas vacacións do verán están ao caer e todas e todos estamos desexando poder desfrutar delas. Por aquí vos deixamos algunhas recomendacións de libros que vos poden acompañar nestes meses de desconexión que nos quedan por diante.

sábado, 26 de abril de 2025

FEIRA DE LIBROS DE SEGUNDA MAN

Rematamos esta primeira semana do terceiro trimestre do curso cunha última actividade para conmemorar o Día do Libro: unha feira de libros de segunda man

O alumnado de quinto curso de Primaria organizou esta iniciativa de cara a recadar fondos para a súa saída de fin de curso. Grazas aos exemplares doados polas familias do centro, as nenas e nenos montaron catro postos de venta, organizando os libros en función da idade dos seus lectores e lectoras:

  • Nivel inicial.
  • Nivel medio.
  • Nivel avanzado.
  • Nivel experto.
A maiores, crearon un quinto posto de venta no que incluiron todos aqueles elementos doados que non eran libros: DVDs, xogos, etc.

Graciñas a todos e todas os que vos achegastes e colaborástedes nesta feira. Tanto o alumnado, coma o profesorado responsable, están enormemente agradecidos co apoio que toda a comunidade educativa lles está a dar aos nenos e nenas do terceiro ciclo en todas e cada unha das iniciativas que están a realizar de cara a obter fondos para a financiar as súas saídas de fin de curso.

Por aquí vos deixamos algunhas imaxes.

jueves, 24 de abril de 2025

23A. DÍA DO LIBRO E ENTREGA DE PREMIOS DOS PODCAST

Arrincamos o terceiro e último trimestre deste curso conmemorando o Día do Libro. Como vén sendo costume, cada 23 de abril realizamos o “Apadriñamento e amadriñamento lector”, no que os maiores do cole lles len un conto aos máis peques, previamente elixido por estes. Como agradecemento por esta lectura, cada afillada e afillado entrégalle un agasaio ao seu padriño ou madriña.


Ademais, unha vez finalizada dita actividade, realizamos a entrega de premios do Certame de Podcast da Radio, o cal, este ano, tiña como tema: “A cando viaxamos?”, seguindo así a liña do PDI do actual curso. Un xurado de mestres e mestras do centro escolleron un podcast gañador por nivel e entregóuselle un diploma aos seus creadores e creadoras. Ademais, como recoñecemento á participación e implicación do alumnado, cada grupo-clase recibiu un libro que pasará a formar parte da súa biblioteca de aula.


Facendo click na seguinte fotografía poderedes acceder ao álbum de imaxes deste día.

GAÑADORES DO III CONCURSO DE PODCAST

PARA ESCOITAR ÓS GAÑADORES DO III CERTAME DE PODCAST PREMER NA IMAXE. Pincha AQUÍ

martes, 18 de febrero de 2025

CHEGA O ENTROIDO A SAN TOMÉ!

Parece que xa empeza a ulir a cocido e filloas... O ENTROIDO ESTÁ Á VOLTA DA ESQUINA! 

Por aquí vos deixamos os mandadiños do Meco para que vaiades argallando as vosas mellores galas para a próxima semana!

sábado, 25 de enero de 2025

III CERTAME DE PODCAST

Comezamos o segundo trimestre e con el botamos a andar unha das propostas que puxemos en marcha dous cursos atrás e que parece que chegou para quedarse: O CERTAME DE PODCAST!

Esta terceira edición xirará, ao igual que o fixeron as dúas anteriores, en torno ao tema central do noso PDI deste curso, este ano centrado nas viaxes no tempo.

Por aquí vos deixamos o cartel que anuncia o certame e as bases para participar no mesmo.

Estamos desexando escoitar eses marabillosos podcast!

Moita sorte a todos e todas!