sábado, 9 de noviembre de 2024

VOLUNTARIADO NA BIBLIO

 Este mes de novembro puxemos en marcha o VOLUNTARIADO NA BIBLIO. Durante os recreos, cada día, dous nenos ou nenas diferentes de 6º de Primaria estarán na biblioteca axudando na organización e xestión desta. Entre outras cousas, as voluntarias e voluntarios realizarán o préstamo de libros, axudarán a buscar os exemplares que os usuarios lles demanden e ordenarán as diferentes obras dacordo ao nivel de lectura e autor.

martes, 5 de noviembre de 2024

BIBLIOTECA TENEBROSA

Estes últimos días, o noso centro estivo decorado para festexar o Samaín e, como non podía ser doutro xeito, a nosa biblioteca foi partícipe destas datas e pasou a converterse nun espazo tétrico e lúgubre ao que as diferentes clases do cole acudiron a realizar "lecturas tenebrosas".

lunes, 4 de noviembre de 2024

24O. DÍA DAS BILIOTECAS ESCOLARES

Este curso, para conmemorar o Día das Bibliotecas Escolares, que tivo lugar o 24 de outubro, os diferentes niveis do centro elaboraron murais cos títulos dos seus libros preferidos, cos cales decoramos os corredores durante estas semanas. 

Ademais, cada grupo-clase realizou unha votación para escoller con que nova obra lles gustaría contar na súa aula e así solicitar a súa compra ao Equipo de Biblioteca do centro. 

Facede click nas imaxes para poder ver algunhas fotografías do que estivemos a facer para conmemorar este día.

jueves, 24 de octubre de 2024

CONTACONTOS CON CRIS DE CALDAS

O pasado martes, 15 de outubro, con motivo da conmemoración do Día da Nena, os alumnos e alumnas do segundo ciclo de Primaria desfrutaron dunha sesión de contacontos da man de Cris De Caldas, quen lles presentou os seus “Contos en Lila”. Trátase dunha serie de historias que buscan xerar unha reflexión sobre o mundo que nos gustaría ter. Un mundo que non sexa nin rosa, nin azul, se non unha mestura de ambos: un mundo lila. 

miércoles, 23 de octubre de 2024

ESTAMOS DE VOLTA!

 Bos días! Benvidas e benvidos un curso máis ao blog da biblioteca do CEIP San Tomé. Despois dun mes de setembro de readaptación e volta á rutina, estreamos un novo proxecto de centro que servirá como fío condutor do traballo que cada unha das aulas realizará durante os vindeiros meses.

Deixamos atrás o tema “Da literatura ao cine” e damos paso ás VIAXES NO TEMPO. Cada ciclo levará a cabo a súa propia andaina temporal, reparando en diversos aspectos que lles poidan ser de interese de cara á obtención dun produto final que aínda non imos desvelar.

Animádevos a curiosear un chisco por esta presentación interactiva para coñecer un pouco máis a fondo a liña que seguirá cada ciclo, así coma algúns dos títulos cos que van traballar.

QUE COMECE A VIAXE!

lunes, 17 de junio de 2024

OBRA DE TEATRO DE 6º: "Perdidos en el bosque"

Hoxe algúns alumnos e alumnas de 6º de Primaria fixeron desfrutar ás demais clases do colexio cunha obra teatral creada por eles mesmos e mesmas, a cal leva por título: "Perdidos en el bosque".

Tras elaborar, revisar e modificar o guión, buscar o decorado necesario e ensaiar a representación do texto, estas nenas e nenos amosáronlle ao resto do alumnado esta fermosa historia. 

Podedes ver algunhas imaxes da mesma facendo click no cartel da obra.

Noraboa a todos e todas por esta peza teatral! Todo un exemplo de traballo en equipo e autonomía




sábado, 25 de mayo de 2024

I TORNEO DE PRIMAVERA DE XADREZ

Definitivamente, un dos grandes protagonistas deste curso no CEIP San Tomé está a ser o xadrez. Os alumnos e alumnas que actualmente están en 6º curso xa amosaran moito interés por este xogo a finais do curso anterior e pediran recibir clases sobre o mesmo. Atendendo á súa demanda, dende setembro están a ter unha sesión de xadrez cada tres semanas, na hora de Matemáticas, aprendendo sobre este xogo de mesa de estratexia da man dun profesional do mesmo.

Ver xogar aos maiores no recreo animou ao resto de nenas e nenos do centro a facelo tamén, convertendo as mesas do patio nun espazo de reunión dedicado ao xadrez. Vendo este gran éxito, varios rapaces e rapazas de 6º propuxeron realizar un torneo de xadrez no colexio e puxéronse mans á obra, coa axuda das súas mestras e mestres. Elaboraron os carteis cos que anunciaron o torneo, preguntaron polas aulas quen querería participar e organizaron as categorías e os diferentes cruces dentro destas.

Esta semana comezou o I Torneo de Primavera de Xadrez do CEIP San Tomé. Os máis maiores da escola preparan cada día os taboleiros cinco minutos antes de que comece o recreo e encárganse de exercer como xuíces nas diferentes partidas.

Facendo click aquí ou no cartel poderedes ver algunhas imaxes deste torneo.

Está a ser unha experiencia moi gratificante! 

"HARRY POTTER E A PEDRA FILOSOFAL": PROCESO DE CASTING

As alumnas e alumnos do 3º ciclo continúan na súa andaina cara a obtención do produto final do proxecto de centro deste curso: unha curtametraxe da obra literaria traballada ao longo do curso.

Unha vez que tiveron listo o guión das curtas de 5º e de 6º curso (os cales podedes ler no espazo web específico do proxecto do 3º ciclo), chegou o momento de comenzar a escoller quen serían os actores e actrices encargados de dar vida á cada un dos e das personaxes que nelas aparecerán. 

Os alumnos e alumnas interesados en obter os papeis principais de cada curta enfrontáronse a un proceso de casting, no cal tiveron que demostrar as súas dotes para o mundo da actuación fronte a un xurado composto por catro mestras do centro. 

Tras escoller aos protagonistas, os papeis secundarios foron asignados mediante un sorteo no cal participaron os nenos e nenas interesados en conseguir representar a cada un dos demais personaxes da curtametraxe.

II CERTAME DE PODCAST

 Tras o éxito obtido o ano pasado co I CERTAME DE PODCAST do CEIP San Tomé, este curso voltamos cunha nova edición, na cal, como non podía ser doutro xeito, imos aproveitar para dar a nosa opinión sobre o tema do proxecto que levamos traballado ao longo do curso: libro ou película?

Por aquí vos deixamos o cartel e as bases do certame. Estamos desexando escoitar eses marabillosos podcast!

Que comece o II CERTAME DE PODCAST do CEIP San Tomé!

jueves, 25 de abril de 2024

CONTACONTOS DA MAN DE BAIA FERNÁNDEZ

Como peche ás actividades realizadas con motivo do Día do Libro, onte, 24 de abril, recibimos no noso centro á escritora Baia Fernández de la Torre, natural de Cuntis. A nosa convidada realizou dúas sesións de contacontos: unha para o alumnado de Infantil e 1º ciclo, na cal presentou o seu último conto "Caracol, cara de col" (2023); e outra para os nenos e nenas do 2º e 3º ciclo, a quen lles leu a súa obra "Laia" (2018).

Graciñas pola túa visita, Baia!